Medio Ambiente ofrece ás empresas comprometidas coa RSE a posibilidade de participar nos traballos de conservación do Parque Nacional das Illas Atlánticas

martes, Xuño 20, 2017

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ofrece ás empresas comprometidas coa Responsabilidade Social Empresarial (RSE) a posibilidade de participar nos labores de conservación do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Así, a través dos seus departamentos da RSE, son moitas as entidades privadas que solicitan colaborar, de forma totalmente voluntaria, nos programas de recuperación dos hábitats mediante a erradicación de especies invasoras.

Deste xeito, mediante o traballo activo e o coñecemento das contornas naturais, estas organizacións pretenden implicar a clientes, accionistas, empregados, comunidades locais e sociedade en xeral na protección do medio ambiente e da súa diversidade. Por iso, durante estas últimas semanas e o vindeiro fin de semana varios grupos de persoas pertencentes a diversas entidades privadas pasarán polo Parque Nacional para colaborar co persoal do espazo e o alumnado en prácticas das Universidades de Vigo e Santiago na retirada de especies alóctonas.

A dinámica con estes grupos baséase nunha primeira aproximación á problemática que representa para os ecosistemas a presenza de elementos estraños como son as especies exóticas invasoras, que poden afectar ás condicións ambientais, á cadea trófica e aos ciclos de nutrientes; e, a continuación, aplicar estes coñecementos a través dunha experiencia real e activa nos traballos de limpeza e erradicación. Finalmente, participan nunha ruta guiada con fin de coñecer os valores naturais e paisaxísticos do parque nacional.

En concreto, estes participantes colaboraron na eliminación de acacias e abrochos de eucaliptos presentes na Praia de Figueiras, en Cíes. O vindeiro fin de semana chegará ao arquipélago un novo grupo que continuará co traballo de mantemento e conservación dos hábitats e que se sumará ás 120 persoas que, ata este momento, pasaron polo parque nacional dentro das actividades de concienciación das empresas comprometidas coa RSE.