Medio Ambiente destaca a importancia da posta en valor dos espazos naturais como núcleos de diversidade e soporte vital

venres, Xuño 9, 2017

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, destacou a importancia da posta en valor dos espazos naturais como núcleos de diversidade e soporte vital. Así o manifestou durante a súa vista esta mañá ao mostrador informativo que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio instalou no recinto feiral de Silleda con motivo da celebración da feira multisectorial. Neste punto informativo, que estará aberto ao público ata o vindeiro domingo, poderase participar en diversas actividades de educación ambiental, como esta mesma mañá fixeron os alumnos do Colexio de Educación Infantil e Primaria da localidade pontevedresa.

Deste xeito, a responsable de Patrimonio Natural sinalou que o coñecemento é a mellor forma de garantir a protección dos espazos naturais, polo que convidou a pequenos e maiores a sumarse a estas iniciativas e vivir unha experiencia de contacto e integración co medio natural. Así, no mostrador de Galicia, natural e única, as persoas interesadas poderán participar nun amplo programa de actividades de educación ambiental e divulgación da riqueza natural e paisaxística de Galicia, entre as que destacan o tiro con arco ou a visualización in situ das imaxes espectaculares dos ceos nocturnos de Galicia grazas ás posibilidades que neste senso ofrece o Parque Nacional das Illas Atlánticas, considerado Destino Turístico Starlight.

Así, quen o desexe poderá inmortalizar este paseo virtual pola Galicia, natural e única no photocall que estará instalado no mesmo mostrador. Tamén haberá obradoiros para coñecer as peculiaridades dos cetáceos e as aves mariñas e o papel fundamental dos bosques na conservación dos ecosistemas. Igualmente, desenvolveranse outras actividades como artesanía en palla e terapia canina, que contará coa presenza de Octavio Villaza e o seu can palleiro Fusco e amosará os beneficios sociais, psicolóxicos e comunicativos que supón o coidado e o benestar dos animais de compañía.