‘Galicia natural e única’ participa na feira internacional de turismo de Barcelona ‘B-Travel’

venres, Abril 21, 2017

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio leva a marca Galicia natural e única á feira internacional de turismo de Barcelona B- Travel, que se celebra dende hoxe -ata o vindeiro 23- na Cidade condal. Esta feira, na que Medio Ambiente participa dentro do expositor da Axencia de Turismo de Galicia, é considerado o segundo evento máis relevante de España no eido turístico e conta coa participación de distintas delegacións nacionais e internacionais.

Este foro ofrece xornadas exclusivas dirixidas aos profesionais do sector e outras enfocadas ao público en xeral. Tamén está considerado como un referente o turismo experiencial no que mestura a proposta viaxeira e a gastronómica.

Cataluña é o cuarto emisor de visitantes a Galicia con case un 5% de porcentaxe sobre o total, só superado por Castela e León e Andalucía e as enquisas realizadas na feira indican que un 68% dos visitantes deciden o seu destino vacacional no salón e o 72% do público que accede ao recinto amósanse moi satisfeitos coa oferta e as actividades que atopan no recinto feiral.

A Consellería de Medio Ambiente mantén así o desenvolvemento de accións promocionais en feiras e certames de interese turístico, para divulgar a imaxe de Galicia como destino turístico e para espertar o interese do público polas diferentes propostas de ecoturismo que pode atopar na comunidade galega.

Con esta iniciativa, Medio Ambiente impulsa a posta en valor dos recursos naturais galegos, como elementos atraentes de turismo no marco do desenvolvemento sostible, a protección e o aproveitamento racional do ecosistema. Cómpre lembrar que o 2017 está declarado como o Ano Internacional do Turismo Sustentable, co que existirá un especial interese na oferta de experiencias viaxeiras relacionadas coa natureza. De feito, a organización da feira catalá organizou no salón B-Adventure, unha zona tematizada relacionada co contacto coa natureza, os deportes ao aire libre e os espazos naturais orientados ao turismo.

Participación en feiras

O Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural inclúe entre as súas medidas a presenza da imaxe- marca Galicia natural e única en feiras e eventos relacionados co turismo. Neste sentido, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural levou a cabo unha acción de promoción na feira internacional de turismo de Madrid (FITUR), onde presentou a propia imaxe e a proposta de desenvolvemento turístico en consonancia coa oferta do territorio.

Tamén tivo unha presenza activa na Feira Internacional de Ornitoloxía de Estremadura (FIO), celebrada en febreiro. Este certame está considerado como o de maior importancia da península ibérica e a segunda en importancia a nivel europeo.