Mato Otero recorda que o Catálogo de árbores e formacións senlleiras é unha lista viva e unha ferramenta para a protección da natureza

martes, Marzo 21, 2017

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, salientou esta mañá que o Catálogo de árbores e formacións senlleiras é unha lista viva, á vez que unha ferramenta para a protección deste tipo de exemplares que se atopan no patrimonio natural de Galicia.

Con motivo do Día Mundial da Árbore, a conselleira de Medio Ambiente visitou a Sobreira do Siador, en Silleda. Esta sobreira é unha árbore perennifolia cunha idade estimada de 500 anos, de case 16 metros de altura que pasou a formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, previo expediente elaborado polo Concello de Silleda e por resolución de 1 de xuño de 2009 da Dirección Xeral da Conservación da Natureza -hoxe Dirección Xeral de Patrimonio Natural-, e que hoxe é unha marca de identidade de Silleda.

Mato Otero recordou que o Catálogo naceu en 2007 con 106 árbores e 21 formacións e destacou que as persoas propietarias, administracións públicas, centros de investigación ou asociacións poden solicitar a inclusión dunha árbore ou dunha formación neste catálogo.

Na actualidade esta lista está formada por 145 árbores e 32 formacións; sendo Pontevedra, a provincia máis representada da lista, cun total de 48 árbores e 9 formacións; seguida pola provincia da Coruña (42 árbores e 13 formacións), Lugo (35 árbores e 3 formacións) e Ourense (20 árbores e 7 formacións).

As vantaxes de formar parte deste catálogo son a protección legal, a todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, a súa saúde ou a súa aparencia. Establécense axudas para o seu coidado, os propietarios poden optar a axudas oficias para coidar as árbores e as formacións; e -por último- inspeccións periódicas, cando se alerta dunha posible deterioración elabóranse informes para a proposta de plans de tratamento para a mellora da súa saúde.

A conselleira afirmou que “ante unha árbore das características da Sobreira de Siador, o ser humano é consciente da fugacidade do seu tempo”; polo que o seu estado de conservación da unha lección sobre o coidado do medio ambiente, unha razón para velar polo patrimonio natural e un novo impulso aos esforzos por legar un planeta san e verde.

Día Mundial da Árbore

O Día Mundial da Árbore ou Día Forestal Mundial celébrase como cada ano o 21 de marzo. É un día de concienciación social para conseguir aplacar e frear enorme perda de bosques do planeta. A celebración deste día é un reclamo para reflexionar como a vida en ocasións leva ao esquecemento de que as persoas só son unha parte dun ecosistema maior, a recuperar a unión sacra con todos os seres da natureza e a ter unha conduta máis respectuosa coa contorna que nos rodea.

Nas súas copas e troncos, as árbores dan refuxio, alimento e albergue ás aves e outra gran diversidade de animais. Tamén protexen ao chan e os organismos que o habitan dos raios solares e contribúen a regular o ciclo da auga. A súa follaxe retén boa parte da auga de choiva e evita que caia á terra cun forte impacto. Isto leva dous beneficios simultáneos: por unha banda, o chan protéxese da erosión; por outra banda, aforra auga, xa que, ao descender con menos velocidade, esta infíltrase na terra e nutre os depósitos de augas subterráneas, que á súa vez enriquecen as correntes superficiais.

Ademais, as árbores purifican o aire que todos respiran, ao consumir o dióxido de carbono presente na atmosfera e producir osíxeno.

CONSERVACIÓN DA NATUREZA