Medio Ambiente ofrece máis de 200 prazas en 12 rutas guiadas para descubrir este inverno o patrimonio natural das Illas Atlánticas

mércores, Xaneiro 31, 2018

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza este inverno un total de 12 rutas guiadas ao Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia. Baixo o lema Descubrindo o Parque Nacional, estas visitas, de carácter gratuíto e dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer o patrimonio natural e ambiental do arquipélago fóra da tempada estival.

Durante a campaña, que arrancará o 18 de febreiro en Ons e se estenderá ata o próximo 29 de abril, ofreceranse un total de 208 prazas para visitar o parque. A idea é traballar sempre con grupos reducidos para poder ofrecer unha visita de calidade e o máis personalizada posible, ao tempo que se garante a preservación dos valores do entorno.

Os interesados en participar nalgunha das visitas xa poden reservar praza desde hoxe a través da web reservasparquesnacionales ou facelo de forma presencial nas oficinas do parque nacional en Vigo (rúa Oliva, nº 3) ou no centro de visitantes (rúa Palma, nº 4).

O prazo para inscribirse seguirá aberto ata catro días antes da visita e para cada ruta abrirase unha lista de agarda coa que cubrir eventuais baixas. De feito, en caso de non poder asistir e tendo en conta á alta demanda que ten a actividade, cada participante deberá anular a súa reserva na mesma páxina web como máximo tres días antes.

O ano pasado tamén se ofreceran 12 rutas a Illas Atlánticas nesta época do ano aínda que como novidade, en 2018 está previsto organizar unha segunda quenda de visitas con guía a partir do mes de maio.

Outra das novidades da campaña é que, por primeira vez, a reserva de praza non terá por que ser individual. Así, cada solicitante poderá inscribirse xunto cun máximo de 3 acompañantes que deberán estar debidamente identificados. Cada persoa poderá reservar e participar nunha soa das rutas previstas para este semestre.

Todas as actividades guiadas ás illas son de balde, aínda que os participantes deberán asumir o custo do seu transporte. No caso de Cíes e Ons, poderán acceder a través da liña regular que as distintas navieiras autorizadas ofrecen con saída desde distintos portos, ou ben achegarse en embarcacións privadas autorizadas. Para acceder a Sálvora e Cortegada, onde por razóns de conservación non hai transporte regular diario, o propio parque organiza un transporte especial pero o custo do billete deberá asumilo igualmente o interesado.

Este programa de visitas guiadas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas naceu en febreiro do ano 2014 e ata o momento, xa participaron nel máis de 1.100 persoas. A súa finalidade é animar aos cidadáns de todas as idades a coñecer os valores naturais e culturais deste espazo fóra da tempada estival, unha época de menor afluencia na que se poden descubrir outros aspectos singulares do Parque Nacional.

Ruta a Cíes para familias con nenos
A temática das rutas é moi diversa, xa que van desde o carácter histórico e botánico do percorrido pola illa de Cortegada coa ruta O segredo dun bosque no medio do mar, pasando pola riqueza xeolóxica das rochas de Sálvora coa visita Esculturas e lendas, pola toponimia de Ons coa ruta Unha illa de nomes, ata chegar á historia das Cíes cunha Viaxe no tempo.

Como en anos anteriores, nesta ocasión tamén haberá unha ruta especial pensada para familias con nenos. Realizarase durante o período de vacacións escolares de Semana Santa, concretamente, o luns 26 de marzo en Cíes. Durante o percorrido pola illa faranse dinámicas e xogos que axuden aos rapaces a coñecer os ecosistemas do Parque Nacional. Como máximo poderanse inscribir 3 nenos con cada adulto participante na actividade, especialmente recomendada para menores de entre 5 e 11 anos.