Medio Ambiente conmemora o Día Mundial dos Humidais con varias actividades no complexo intermareal Umia-O Grove e en Corrubedo

xoves, Febreiro 1, 2018

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organizou hoxe varias actividades lúdicas e didácticas con motivo do Día Mundial dos Humidais, efeméride que se celebra en Galicia desde 1997 para sensibilizar á sociedade sobre os valores destes espazos e os seus beneficios para a natureza.

Os actos localizáronse en dous dos principais humidais galegos: o complexo intermareal Umia-O Grove e o complexo de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. En O Grove, a aula da interpretación da natureza do Monte Siradella recibiu a 26 nenos e nenas do CEIP A Florida de Sanxenxo que participaron desde o mediodía nunha serie de actividades ao aire libre e xogos didácticos, incluídos unha charla sobre os humidais e a lectura dun conto sobre o convenio Ramsar, subscrito en 1971 para poñer en valor este tipo de espazos.

Para poñer punto e final á visita, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, fixo entrega aos alumnos e profesores asistentes dun diploma que os acredita como Embaixadores dos humidais.

Con esta distinción, explicou, recoñécese a vontade do centro educativo de contribuír na defensa e conservación dos hábitats e especies do complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e lagoa Bodeira, recoñecido tamén como zona de especial protección para a as aves (ZEPA). De feito, os 26 rapaces participantes tamén tiveron ocasión de facer un roteiro pola zona e participar nun avistamento de aves.

A outra actividade conmemorativa que organizou a Consellería de Medio Ambiente para celebrar o Día dos Humidais foi unha pequena mostra fotográfica de aves que se inaugurou hoxe no Centro de Interpretación dos Ecosistemas do Litoral de Galicia (Cielga), ubicado dentro do complexo húmido de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Poñer en valor os beneficios dos humidais

O Día Mundial dos Humidais celébrase cada 2 de febreiro para crear conciencia en todo o mundo dos valores que achegan os humidais para o planeta. O lema escollido para a efeméride de 2018 é Humidais para un futuro urbano sustentable, seleccionado co fin de poñer de relevo a importancia de preservar nun estado saudable os humidais situados en contornas urbanas, onde achegan importantes beneficios aos seus habitantes.

Desde 1997, todos os anos organismos oficiais, organizacións, non gobernamentais e grupos de cidadáns de todos os niveis da comunidade realizan actos e actividades encamiñados a aumentar a sensibilización do público en xeral acerca dos valores dos humidais e os beneficios que reportan, tal e como se recolle na Convención de Ramsar.