Fragas do Eume


O tempo

METEOGALICIA

hoxe

17:00
11º
Rain (75%)
18:00
10º
Rain (75%)
19:00
10º
Rain (75%)
20:00
Light rain
21:00
Light rain
22:00
Light rain
23:00
Light rain

mañá

04:00
Cloudy 75%
07:00
Showers
10:00
Showers
13:00
12º
Showers
16:00
12º
Sunny
19:00
11º
Cloudy 75%
22:00
Partial Cloudy

Imaxes

Introdución

Videointerpretación sección Introdución

O bosque atlántico de Europa
As Fragas do Eume, que se estenden por un abrupto val de profundas gargantas, presumen de ser o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa e un dos escasísimos bosques do seu tipo no continente. Abarca 9.125 hectáreas, sendo declarado Parque Natural, o quinto de Galicia, o 12 de agosto de 1997. En extensión, é o segundo maior dos parques naturais tras o Xurés (Ourense), de case 30.000 hectáreas.

 

Top 5: o que non debes perder
  1. O río Eume labra no seu curso final un gran canón envolto en brétemas que garda un extraordinario tesouro botánico. Escoita o silencio e os sons dos pequenos habitantes destas fragas máxicas.
  2. Recoñecer algunha das 28 especies de fieitos que persisten agochadas desde o período xeolóxico Terciario (despois de que os últimos dinosauros se extinguisen) baixo a sombra de carballos, castiñeiros, bidueiros e ameneiros.
  3. Identificar, se tes sorte, algunha das máis de cen especies de aves e corenta de mamíferos que conviven con peixes como a troita ou o reo, ou especies endémicas de invertebrados e réptiles difíciles de atopar noutros lugares, como a ra ibérica ou a salamántiga rabilonga.
  4. A pegada humana no Parque presente en restos prehistóricos, nos monumentos da época medieval (mosteiros de Caaveiro e Monfero) ou en elementos etnográficos como as curripas que testemuñan os usos e aproveitamento destes montes ata o s.XX.
  5. As vistas desde o mosteiro de Caaveiro, insignia das Fragas do Eume situado no mesmo corazón do Parque, e desde os cinco miradoiros (Teixido, Monte Pendella, Caaveiro, Pena Cavada e Mirador da Carboeira) habilitados en todas as estacións do ano. Unha mesma paisaxe, catro paletas de cores diferentes.

Servizos

Videointerpretación sección Servizos

Servizos públicos

Centro de Interpretación de Caaveiro

Aviso: As pontes colgantes "Cal Grande" e "Fornelos" están pechadas ao público por reformas.
 
Localización: Lugar de Andarúbel. Estrada de Ombre a Caaveiro, km 5
15600 Pontedeume. Ver en Google Maps
T: 981 432 528
Horarios
  • Horario de Verán (do 1 de maio ao 30 de setembro, de martes a domingo)
    Martes a venres e domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00.
    Sábados, festivos e pontes de 10:00 a 14:30 y de 16:00 a 19:00.
  • Horario de Inverno (do 1 de outubro ao 30 de abril, de martes a domingo)
    Martes a venres e domingo de 10:00 a 14:00.
    Sábados, festivos e pontes de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00.
  • Horario de Semana Santa 24-30/03 (2024) y 13-19/04 (2025)
    Mañá: 10:30 a14:30 / Tarde: 16:00 a 18:00.
  • Horario de Nadal: 23-30/12 (2023) - 6/01 (2024).
    Mañá: 10:30 a14:30 / Tarde: 16:00 a 18:00.
Entrada libre
Visitas
Visitas autoguiadas con paneis informativos e material divulgativo.
Excursións guiadas de martes a venres en horario matinal (de balde) para grupos escolares e asociacións sen ánimo de lucro. Consultar dispoñibilidade no teléfono 981 432 528.
Oito itinerarios sinalizados
 

Centro de Interpretación de Monfero

Estrada DP-5003 s/n.
15619 Monfero. Ver en Google Maps
Horarios:
  • Horario de Verán: (do 1 de maio ao 30 de setembro, de venres a domingo, festivos e pontes)
    Venres de 16:00 a 19:30.
    Sábado, domingos, festivos e pontes de 10:30 a 14:30 e 16:00 a 19:30.
  • Horario de Inverno: Pechado agás días de nadal e semana santa
  • Horario de Semana santa: 28-31/03 (2024) e 17-20/04 (2025)
    Xoves, venres e sábado de 10:30 a 14:30 e de 16:00 a 18:00.
    Domingos de 10:30 a 14:30
  • Horario de nadal: 23-30/12 (2023) - 6/01 (2024). Pechado 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro
    Mañá: 10:30 a 14:30 / Tarde: 16:00 a 18:00.
Entrada libre
Catro itinerarios sinalizados
 

Centro de Interpretación de A Capela

Localización: Lugar Estoxa, 9
15613 A Coruña. Ver en Google Maps
T: 660 66 90 51
Horarios:
  • Horario de Verán: (do 1 de maio ao 30 de setembro, de venres a domingo, festivos e pontes)
    Venres de 16:00 a 19:30.
    Sábado, domingos, festivos e pontes de 10:30 a 14:30 e 16:00 a 19:30
  • Horario de Inverno: Pechado agás días de nadal e semana santa
  • Horario de Semana santa: 28-31/03 (2024) e 17-20/04 (2025)
    Xoves, venres e sábado de 10:30 a 14:30 e de 16:00 a 18:00.
    Domingos de 10:30 a 14:30
  • Horario de nadal: 23-30/12 (2023) - 6/01 (2024). Pechado 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro
    Mañá: 10:30 a 14:30 / Tarde: 16:00 a 18:00.
Entrada libre
 

Museo Etnográfico da Capela

Localización: O Pazo, s/n. 15613 A Capela. Ver en Google Maps
Horarios de Verán
"Casa do Pazo": sábado 16-18, e domingo e festivos 11:30-13:30 e de 16-18
"Escola de Guitiriz": domingo e festivos de 16:30-18:30
Horarios Outono-Inverno
"Casa do Pazo": Mércores a Domingos (10.30 a 13.30h).
"Escola de Guitiriz": (Último domingo de cada mes de 16 a 18h).
Fora deste horario pódese concertar visitas guiadas a grupos (máis de 5 persoas) para calquera espazo da “rede museística” (“Casa do Pazo”, “Escola de Guitiriz”, “Parque Etnográfico de Sesín”).
Entrada
Xeral 2 €, 6-12 anos 1 €, <6 anos gratis, 10-15 persoas 1,50 €, >15 persoas 1 €
A Casa do Pazo atópase á beira do antigo camiño medieval que se interna no Parque Natural das Fragas do Eume cara ao Mosteiro de Caaveiro.
 

Áreas Recreativas

  • Áreas recreativas da Xunqueira de arriba e Xunqueira de abaixo (Ombre, Pontedeume).
  • Área recreativa da Alameda, nas Fragas do Eume (Ombre, Pontedeume).
 

Aparcadoiros Públicos

No centro de Interpretación de Caaveiro:
  • Xunqueira de Arriba
  • Xunqueira de Abaixo
  • Alameda (a 800 metros despois do Centro de Intepretación de Caveeiro)
No centro de Interpretación de Monfero:
  • Aparcadoiro anexo o Centro de Interpretación de Monfero

No centro de Interpretación de A Capela:

  • Aparcadoiro anexo o Centro de Interpretación de A Capela

Aviso: Entre o 24 de xuño e o 11 de setembro (ámbolos dous incluídos) a estrada entre o aparcadoiro da Alameda e a ponte de Sta. Cristina (7 km) permanecerá pechada para a circulación de vehículos a motor.

Rutas e distancias

 
Ruta de Encomendeiros PECHADA TEMPORALMENTE
Esta ruta de 5,5 km é lineal. Ida e volta 11 km. Comenza na ponte de Cal Grande, cruzando o río e a man dereita atoparemos un sendeiro. A 3 km da primeira ponte hai unha segunda ponte colgante onde podemos cruzar o río e volver a estrada que nos leva ate a ponte de Santa Cristina ou seguir polo sendeiro ata o Mosteiro. Ten en conta que ate a ponte de Cal Grande aínda hai 2,5 km por estrada dende

Rutas

Camiño dos Encomendeiros

Media
2 h
5,5 km
Lineal

Camiño dos Corzos

Media
1 h
2,5 km
Lineal

Camiño dos Cerqueiros

Baixa
2,30 h
7,5 km
Circular

Camiño de Pena Fesa

Baixa
3,30 h
10 km
Circular

Camiño de Fontardión

Media/Alta
3 h
5,5 km
Lineal

Camiño da Ventureira

Baixa
2 h
6 km
Circular

Camiño da Pasada Vella

Baixa
1,30 h
4,5 km
Circular

Camiño Cumios de Sanguiñedo

Baixa
2,30 h
8,5 km
Lineal

A ter en conta

Videointerpretación sección A ter en conta

  1. Deixa o vehículo nos aparcadoiros habilitados.
  2. Usa o vehículo só nas estradas/camiños habilitados e modera a velocidade cando circules polo interior do Parque.
  3. Non leves mascotas.
  4. Arrincar flores e plantas está prohibido, ademais de poñer en perigo especies singulares.
  5. Non molestes á fauna, non fagas ruído.
  6. Infórmate dos permisos necesarios para acceder ao Parque ou para facer calquera ruta.
  7. Antes de facer unha ruta, comproba a dificultade e o tempo que debes investir.
  8. Planifica con detalle a túa visita, sobre todo se vas en grupo, e equípate convenientemente.
  9. En moitos dos Parques Naturais organizan visitas guiadas e interpretadas gratuítas; chama antes.
    En moitos parques naturais podes realizar visitas Autoguiadas con paneis informativos e material divulgativo.
  10. Leva o móbil sempre coa batería cargada.
  11. Camiña polos sendeiros habilitados.
  12. Respecta a sinalización.
  13. Precaución coas enchentes dos cursos de auga.
  14. Precaución ao pisar pedras e troncos cando están mollados xa que son moi escorregadizos.
  15. Non está permitida a acampada libre nin pasar a noite con caravanas.
  16. Fai un uso responsable do lixo; se non hai colectores, lévao contigo ata que atopes un.
  17. Non está permitido o baño fóra das zonas habilitadas.
  18. Respecta as propiedades privadas.
  19. Usa as áreas recreativas.
  20. O lume pode destruír a vida do Parque, non o acendas.
  21. Excepto casos concretos, está prohibida a caza e a pesca. Consulta a normativa de cada Parque Natural.
  22. Avisa ao persoal do Parque ante calquera incidencia. 981 432 528
  23. Ten en conta que durante os períodos de Semana Santa e verán está restrinxido o acceso de vehículos particulares pola estrada que da acceso o mosteiro de Caaveiro entrando ao parque natural polo portal de Pontedeume.

O tempo

METEOGALICIA

hoxe

17:00
11º
Rain (75%)
18:00
10º
Rain (75%)
19:00
10º
Rain (75%)
20:00
Light rain
21:00
Light rain
22:00
Light rain
23:00
Light rain

mañá

04:00
Cloudy 75%
07:00
Showers
10:00
Showers
13:00
12º
Showers
16:00
12º
Sunny
19:00
11º
Cloudy 75%
22:00
Partial Cloudy

Imaxes

Ecosistema

Fragas

Videointerpretación sección Ecosistemas

Convivencia armónica
As Fragas reúnen varios tipos de bosques atlánticos caducifolios europeos: carballeiras de varias especies, soutos, bidueirais e bosques de freixos e abeleiras. Coas masas forestais de carballos, castiñeiros e bidueiros conviven acivros, espiños, loureiros, érbedos, estripos, pradairos e lamigueiros. A rentes do chan os protagonistas son os fieitos, os brións, as pequenas flores, os liques e os cogomelos.

Matogueira

Nas zonas máis altas
Teñen unha relevancia semellante á dos bosques e no Parque Natural hai boas representacións de diferentes tipos de matogueira. Ocupan as zonas máis altas, onde as fragas cederon terreo ao mato. Toxos, queiroas endémicas e xestas alternan nun ecosistema no que se refuxian xabarís, coellos, aves e lagartos ávidos de sol.

As uces ou queirugas que forman a matogueira do espazo natural, das que atopamos ata dez especies, están incluídas na Directiva de Hábitats a protexer da Unión Europea.

Eidos

A riqueza das terras de cultivo
Os habitantes humanos das Fragas do Eume crearon co seu traballo no campo un singular ecosistema do que tamén dependen numerosas criaturas. Paxaros como as andoriñas ou os paporrubios, mamíferos como a toupa ou plantas como as silvas viven e medran nas beiras dos camiños, na terra dos cultivos ou aproveitando as infraestruturas de casas e cortes.

Río Eume

O eixo vertebrador das Fragas do Eume
O río Eume nace na Serra do Xistral, en Lugo, e pasa polas Pontes de García Rodríguez nun percorrido de case 80 quilómetros antes de fundirse co Atlántico na ría de Ares. No seu tramo final, dentro do espazo protexido, está encorado nun profundo canón creado por séculos de erosión. Na súa marxe dereita recibe as augas do Maciñeira e do Ponte de Pedra, mentres que pola esquerda chegan os afluentes Frai Bermuz e San Bartolomeu ou Parrote.

Flora

Árbores e arbustos

Videointerpretación sección Flora

As mellores carballeiras e bosques de ribeira
O carballo é a especie dominante nas Fragas do Eume. Convive con abeleiras, freixos, pradairos, estripos e, en zonas baixas e abrigadas, loureiros e érbedos.

Outras especies presentes nestes bosques, algunhas delas pouco frecuentes na Galicia costeira, son o acivro, o carballo negral ou rebolo, o olmo de montaña (aquí chamado lamigueiro), a cerdeira brava, a pereira silvestre e a maceira brava.

Localmente son abundantes, e mesmo dominantes, o castiñeiro e o bidueiro, este último especialmente numeroso no contorno do encoro.

Os bosques de ribeira flanquean unha gran parte dos leitos fluviais e pola súa extensión, naturalidade e estado de conservación constitúen unha das mellores mostras deste tipo de formacións forestais en Galicia. Abundan os ameneiros, cos que se mesturan salgueiros, freixos, abeleiras e pradairos, entre outros.

Cogomelos

Máis de 160 especies
O catálogo provisional de fungos é moi extenso, con 163 especies, moitas delas raras en Galicia. Os que máis chaman a atención nas Fragas son os que se alimentan da madeira. Outros instálanse directamente no solo ou en gretas. Os micelios ou alicerces dos fungos esténdese polo subsolo ocultos a simple vista, e só en determinadas estacións se manifestan nos cogomelos.

Fieitos

Reliquias prehistóricas
As carballeiras e abeledos das valgadas por debaixo dos 400 m de altitude, sobre todo, son un refuxio de excepcional relevancia para os fieitos, dos que se coñecen un total de 26 especies, seis delas catalogadas como ameazadas.

A Culcita macrocarpa está considerada en perigo no Libro vermello da flora vascular ameazada de España. Esta reliquia do período terciario comparte espazo con outros exemplares restrinxidos a moi poucos lugares no ámbito ibérico e mesmo mundial, porque proceden de etapas climáticas hoxe desaparecidas en Europa, como son as Dryopteris guanchica, Cystopteris viridula, Vandeboschia speciosa, Hymenophyllum tumbrigense, Davallia canariensis, Woodwardia radicans e Dryopteris aemula.

Flores

Variedade olorosa
Á sombra das árbores medran preto de cen especies diferentes. Nos prados atopamos as primaveras amarelas e na beira dos regatos as violetas azuis, a solda consolda ou os paxariños.

Nas gretas húmidas das rochas medran as saxífragas, plantas endémicas de gran valor ecolóxico. Outro endemismo ibérico, que aparece xunto aos ríos, é o narciso. Nas zonas máis altas aparece o chuchamel.

Liques e brións

Excepcional representación
Case a metade da brioflora galega está presente na zona xa que atopamos máis de 220 especies: 136 de brións e 85 de hepáticas. Algunhas delas só aparecen nas Fragas.

A flora liquénica é igualmente excepcional, e foron catalogadas 243 especies, das cales 24 son raras ou descoñecidas no resto de España e 3 son novas para Europa.

Fauna

Anfibios e réptiles

Videointerpretación sección Fauna

Hábitat de endemismos
Un dos principais valores deste espazo natural é a herpetofauna, integrada por 13 especies de anfibios e 10 de réptiles. Nesta zona atopamos ata 10 taxons con distinto grao de endemia.

As Fragas acollen unha importantísima poboación da píntega rabilonga. Tamén se atopan o limpafontes ou tritón ibérico e a ra patilonga, ambos os dous tamén endémicos da Península, que coinciden con elementos eurosiberianos como a ra vermella.

Entre os réptiles, ademais do lagarto das silveiras, endémico pero abundante, é especialmente destacable o núcleo a baixa altitude da lagarta da serra.

Aves

Abundancia de rapaces nidificantes
Entre a avifauna, con máis de 100 especies coñecidas, destaca a existencia dunha considerable variedade de aves rapaces que aniñan, incluíndo entre outras: miñato abelleiro, azor, gabián, aguia albela, rapina cinsenta e falcón peregrino.

Case todas as especies de rapaces nocturnas foron detectadas no ámbito das Fragas do Eume, e destaca a presenza de bufo real e a elevada densidade que presenta a avelaiona.

Ademais dos falcóns e bufos, a andoriña dos penedos, a andoriña dáurica (rara na Galicia costeira) e o corvo grande son as especies máis características dos rochedos.

O merlo rieiro, a lavandeira real e o picapeixe caracterizan a avifauna propia dos leitos fluviais.

Os bosques, campiñas e matogueiras albergan unha gran variedade de aves terrestres. Destacan pola súa abundancia os ferreiriños, as estreliñas riscadas e o cardeal, entre outras moitas.

Invertebrados

A orixinalidade dos máis pequenos
A fauna de invertebrados é extremadamente diversa e orixinal. Entre os moluscos terrestres sobresaen dúas especies recollidas na Directiva de hábitats da Unión Europea: o caracol e a lesma.

Entre os insectos, cómpre salientar a presenza dun gran número de especies protexidas, endémicas ou de distribución marxinal, como a vacaloura, o odonato, os ropalóceros ou o heterócero.

Mamíferos

Reduto na Galicia costeira
Pola súa riqueza (alomenos 40 especies) e pola existencia de diversas especies infrecuentes e de distribución moi localizada, as Fragas do Eume son o emprazamento máis notable para a fauna de mamíferos na Galicia baixa.

Entre as especies propias de áreas montaña destacan a marta e a musaraña de auga. Esta última, xuntamente coa lontra, incluída na Directiva de hábitats e con boas poboacións na zona, están vinculadas aos numerosos cursos de auga.

Outros carnívoros de grande interese citados na zona son o gato bravo, o tourón e a garduña. O lobo mostra unha presenza regular nas zonas altas.

A existencia de múltiples refuxios permite supoñer a existencia dunha rica comunidade de morcegos, composta por 15 especies. Unha das poucas citas do raro morcego rateiro de bigotes foi obtida neste espazo natural.

Tras décadas de case desaparición, o corzo e o xabaril están hoxe en día ben representados, así como a lebre nas áreas altas de matogueira. O cervo, procedente de escapes de catividade, xa chegou a reproducirse dentro do espazo natural.

Peixes

Vulnerabilidade no río
Entre os peixes, dos que están inventariadas oito especies, destaca a presenza de dúas consideradas vulnerables: o endemismo noroccidental ibérico troita migradora e o reo.

Patrimonio material

Da Prehistoria á Idade Media

Videointerpretación sección Patrimonio material

Asentamentos no contorno do Parque
Mámoas e castros testemuñan a presenza humana desde tempos prehistóricos na comarca do Eume, non tanto nas Fragas, que polas súas características orográficas non facilitaron o asentamento humano, como no contorno do Parque Natural, onde o relevo descende suavemente ata o mar.

O fenómeno megalítico (do s.IV a.C. á Idade de Ferro) está sobradamente representado na zona, con lugares como Cabanas nos que se concentran ata 29 mámoas.

No contorno das Fragas aparece un bo número de castros, e foron achados os torques de Centroña (Castrelo) e San Martiño do Porto (castro das Modias).

A pegada da romanización é máis visible na costa. O cristianismo introdúcese no século IV e co feudalismo, cos mosteiros de protagonistas, concéntrase o poder na familia Traba, primeiro, e nos Andrade, despois.

Legado dos Andrade

Os primeiros señores de Pontedeume
O legado arquitectónico da familia Andrade é moi amplo na comarca do Eume: construíron o castelo que leva o seu nome en Pena Leboreiro, un pazo en Pontedeume do que só permanece en pé unha torre, o convento de Montefaro e a ponte sobre o río, que no s.XVIII sería substituída por outra por mor do estado ruinoso da orixinal do Medievo.

Os Andrade mantiveron constantes encontros e desencontros coa monarquía e co pobo. Estes enfrontamentos saldáronse en ocasións co axustizamento dalgún dos cabeza de familia. Se nos primeiros tempos mantiveron boas relacións con Caaveiro, doando importantes propiedades e facéndose enterrar alí, cara o final do seu poderío os Andrade desprazaron o seu núcleo de acción cara o Mosteiro de Monfero.

Mosteiro de Caaveiro

Singular emprazamento
O conxunto monástico está enclavado no corazón das Fragas, nun promontorio sobre o río Eume. O seu illamento foi o que decidiu a uns eremitas a situar o cenobio de San Xoán Bautista no lugar de Calavario, a finais do s.IX. Aquí habitou primeiro unha comunidade de monxes bieitos, e deu paso despois aos cóengos regulares de Santo Agostiño. O mosteiro nunca chegou a ter máis de nove residentes ao tempo.

San Xoán de Caaveiro foi recibindo primeiro as importantes doazóns de San Rosendo e despois das familias Traba e Andrade, ademais duns privilexios reais que estenderon o seu dominio xurisdicional por toda a comarca. A súa igrexa chegou a ter a categoría de Real Colexiata.

Os priores deixaron de vivir no mosteiro no s.XVIII e este secularizouse. Comezou entón a súa decadencia e deterioro. Coa desamortización, no XIX, saíu a subhasta e as terras circundantes foron adquiridas por Pío García Espinosa. Este veciño de Pontedeume conseguiu unha autorización do arcebispado de Santiago e promoveu a súa transformación radical. Na actualidade o mosteiro restaurado e os seus arredores son propiedade da Deputación da Coruña.

O ábsida da igrexa é románica do s.XII, único resto da construción orixinal e mostra dos santuarios rurais galegos construídos baixo a influenza do románico compostelán. Como exemplo do barroco compostelán destaca a Torre das Campás, do s.XVIII. Completan o conxunto a sancristía e dependencias tales como a casa dos cóengos e as cociñas do mosteiro.

Mosteiro de Monfero

Fachada coma un taboleiro de xadrez
A diferenza do Mosteiro de Caaveiro, o de Monfero está fóra dos lindes do Parque Natural; se ben gran parte das Fragas do Eume insírense dentro do que foi o Couto de Santa María de Monfero. O Mosteiro estableceuse en 1134 co impulso do Rei Alfonso e baixo a regra de San Bieito, reconverteuse en cisterciense en 1147 e a súa vida monástica chegou ata a exclaustración de 1835. A partir de entón comezou o declive, a soidade e o abandono. Na época de esplendor foron célebres a súa biblioteca e o seu Sriptorium, dedicado á copia de pergameos e á transcrición de libros.

O Mosteiro foi creado segundo os fundamentos románicos da época, pero no s.XVII derrubouse a igrexa primitiva e substituíuse por unha nova, cunha fachada clasicista na que sorprende a alternancia de granito e lousa que lle dá o seu aspecto de taboleiro de xadrez.

O conxunto actual do Mosteiro confórmano a igrexa barroca e tres claustros: o das procesións, o da hospedaxe e o oriental.

Patrimonio inmaterial

O soutelo e as curripas

Videointerpretación sección Patrimonio inmaterial

O aproveitamento do monte
Froito do aproveitamento dos recursos naturais das Fragas do Eume xerouse un rico patrimonio cultural inmaterial.

Ata principios do s.XX, nos meses de outubro e novembro, os veciños “facían o soutelo” que consistía en ir recoller as castañas aos seus soutos para despois gardalas nas “curripas” uns 15 días ata que lles caía o ourizo. As castañas secadas nos caínzos das lareiras aguantaban ata abril-maio. Varias destas “curripas” ou ouriceiras, de pedra, encravadas no chan e de feitura circular, aínda poden verse polas Fragas. Algunha, preto do Centro de Interpretación.

Outros costumes xa perdidos eran a extracción da casca dos carballos para a fábrica de curtidos de Pontedeume ou a elaboración de carbón con madeira de toxo.

As lendas máis populares vinculadas ás Fragas do Eume son as do anel de San Rosendo e a do nacemento do río Eume. No libro "De lenda en lenda", de Esperanza de San Miguel e Andrés Gómez Collado, recóllense outras moitas vinculadas a este espazo natural.

Tamén no río podemos encontrar os Caneiros. Aínda que a día de hoxe a pesca só se permite con cana, tradicionalmente usábanse os caneiros para capturar o salmón. Son unha especie de paradas construídas en pedra nalguna parte do río de caudal favorable gracias á disposición das rochas do leito. Como unha represa, permiten formar un o varios chorros nos que se axusta unha rede cónica para atrapar os peixes. Os caneiros do Eume pertenceron á Casa de Alba, e o traslado dos salmóns a Madrid realizábase por correo urxente a cabalo.

O tempo

METEOGALICIA

hoxe

17:00
11º
Rain (75%)
18:00
10º
Rain (75%)
19:00
10º
Rain (75%)
20:00
Light rain
21:00
Light rain
22:00
Light rain
23:00
Light rain

mañá

04:00
Cloudy 75%
07:00
Showers
10:00
Showers
13:00
12º
Showers
16:00
12º
Sunny
19:00
11º
Cloudy 75%
22:00
Partial Cloudy

Imaxes

Como chegar?

O Parque Natural das Fragas do Eume está situado ao nordeste da provincia da Coruña, entre a Ría de Ares-Betanzos e a Serra da Loba. Todo o seu territorio encádrase na comarca do Eume, abarcando os concellos de Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero e Pontedeume. Desde a cidade da Coruña, chégase en pouco máis de media hora en coche.

 

O Parque ten catro portais de acceso:

 

  1. Por Caaveiro. Pola estrada DP-6902 hai que dirixirse a Pontedeume ata o río Eume, e a continuación pola vía de servizo chégase ata o Mosteiro de Caaveiro.
  2. Por A Capela. Desde As Neves, pola estrada AC-564, ata o municipio da Capela. Desde o lugar das Neves, chegamos á central térmica de Ventureira.
  3. Por Cabanas. Seguindo a estrada AC-564 en dirección ás Pontes, no lugar de Goente, discorre a estrada local ata o encoro do Eume.
  4. Por Monfero. Chégase ao Mosteiro de Monfero, desde Pontedeume, primeiro pola estrada AC-144 ata o lugar de Ponte da Pedra. A través da estrada AC-151 chegados ao lugar das Travesas (Monfero), de donde parte a estrada DP-5003. Tamén se pode acceder desde o municipio de Irixoa, a través da estrada AC-152 ata o lugar de As Travesas, e de alí, percorrendo a DP-5003.

Permisos necesarios

Non existen

Contacto

Centro de Interpretación das Fragas do Eume

Localización: Lugar de Andarúbel. Estrada de Ombre a Caaveiro, km 5

15600 Pontedeume. Ver en Google Maps
Horarios
Outubro a abril: L-V 9.00-14.00 e S-D 10.00-14.00 / 16.00-19.00h
Maio a setembro: Martes-Domingo 10.30-19.00
 

Centro de Visitantes de Monfero

Estrada DP-5003 s/n. 15619 Monfero. Ver en Google Maps
Horarios: consultar

Miradoiros

Hai 4 miradoiros acondicionados:
  1. A Carboeira, Monfero (545 m). Ofrécenos unha das vistas máis bonitas das Fragas do Eume: o encoro rodeado de bosques de carballos e castiñeiros.
  2. Canón do Eume, A Capela (450 m). Desde este punto vese o canón do Eume e todo o municipio de Monfero. O canón do Eume é a zona de reserva do Parque. Son paredes verticais de pedra de granito situadas entre a presa do Eume e a central eléctrica de Ventureira.
  3. Pena do Teixo, Monfero (540 m). As vistas amósannos o encoro do Eume e o municipio da Capela.
  4. Pena Cavada, Monfero (605 m). É o lugar idóneo para intuír o lugar onde o río Eume finaliza os seus 80 km de percorrido, o Golfo Ártabro. Desde aquí vese unha parte importante da costa entre Ferrol e A Coruña, o canón e o encoro.

Ocio

A comarca do Eume, formada polos municipios de Cabanas, A Capela, Moeche, Monfero, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Vilarmaior, e incluída no xeodestino Ferrolterra, ofrece múltiples posibilidades de lecer relacionado co turismo mariñeiro, gastronómico, industrial, activo ou simplemente, co pracer de coñecer un territorio único nesta parte da provincia da Coruña que mira ao Golfo Ártabro.

 

Despois de somerxerse no encanto máxico das Fragas do Eume o camiño pode continuar cara á costa para ver a desembocadura do río Eume en Pontedeume, na boca da ría de Betanzos, para percorrer típicas vilas mariñeiras ou para gozar de tranquilas praias como as da Magdalena e Chamoso (Cabanas) ou Ber (Pontedeume). No interior, entre outras interesantes propostas, pódese visitar o lago artificial das Pontes de García Rodríguez, que cubre o oco da maior mina de lignito a ceo aberto de España, ou realizar algunha das rutas para achegarse ao patrimonio histórico industrial do municipio.

 

 

Pola comarca de Ferrolterra discorre un tramo do Camiño Inglés que une as terras do norte de Europa con Santiago e que, desde fai séculos, é un exemplo de intercambio cultural con ingleses, irlandeses e outros pobos do norte de Europa.

 

 

 

+info

 

 

Produtos locais

Ademais dos pratos típicos da gastronomía galega que teñen como base peixes e mariscos ou carne de alta calidade, na comarca do Eume atopamos varios produtos locais que representan a calidade dunha cultura gastronómica propia.

 

Pontedeume posúe un prato único, a costrada. É unha especie de empanada (redonda) con varias capas separadas por masa entre as que se intercalan diferentes carnes (porco, tenreira, polo,…), peixes ou mariscos. Contan que a receita a trouxeron monxes agostiños hai 300 anos e continúa elaborándose en confeiterías e restaurantes locais por encargo.

 

 

O requeixo da Capela, os grelos das Pontes e de Monfero, as setas e os fungos, a carne de vaca cachena criada aquí, o mel ou queixo do Eume que acompaña aos mantecados e aos polvoróns das Pontes de García Rodríguez son outras das delicias desta comarca do norte da Coruña.

 

 

Pola súa banda, a Asociación de Artesáns do Eume está formada por canteiros, pandereteiros, fiadoras, torneiros, ceramistas, palilleiras,…que difunden e promoven a artesanía da comarca a través dos seus produtos.

 

Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX)

Documentación

Outras figuras de protección

Zona Especial de Conservación, ZEC ES1110003 “Fragas do Eume” (9.127 ha).

Outras figuras de protección

Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.”Fragas do Eume” de 9.127 ha).

Instrumentos de planificación

Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN).Decreto 211/1996.

Data de declaración

11 de agosto de 1997. Decreto 218/1997, do 30 de xullo.