Monte Aloia


Monte Aloia

Paz e bondade natural entre lendas e sendas botánicas

O tempo

Imaxes

Introdución

 
O primeiro Parque Natural de Galicia
Situada no límite sur da Serra do Galiñeiro, a atalaia do Monte Aloia presenta como un dos seus principais atractivos as vistas panorámicas dos vales dos ríos Miño e Louro. O punto máis elevado está no alto de San Xiao (631 m), o lugar máis visitado deste enclave. Foi o primeiro Parque Natural de Galicia, declarado o 04/12/1978, aínda que coas súas 746 hectáreas, é o máis pequeno dos seis que hai na comunidade.
 
Dispón dunha extensa rede de camiños, 6 miradoiros e multitude de merendeiros para gozar da natureza a carón da “raia húmida” coa veciña Portugal.
 
Os terreos son propiedade da Entidade Local Menor de Pazos de Reis e da Comunidade Veciñal de Montes en Man Común da parroquia de Rebordáns.

 

Top 5: o que non debes perder

 

  1. Subir ao alto de San Xiao (ou miradoiro González Páramos, 631 m) para ver os vales dos ríos Miño e Louro. A ermida de San Xiao, onde antes había un castro, é centro de tradicións populares.
  2. Visitar os restos arqueolóxicos da Muralla Ciclópea.
  3. Subir a algún dos miradoiros para avistar a riqueza natural deste enclave no que o 80% da súa superficie está cuberta por árbores.
  4. Visitar o Centro de Interpretación Enxeñeiro Rafael Areses, casa forestal singular en si mesma e lugar de información e exposición interpretativa do Parque Natural. Cerca hay unha senda botánica autoguiada.
  5. Ter a sorte de ver algunha das 11 especies de anfibios e 14 de réptiles coñecidas en Galicia (hai 25 en total).

Servizos

Centro de Interpretación da Natureza Casa Forestal Enxeñeiro Areses

Localización: Frinxo, 37. 36715 Pazos de Reis (Tui). Ver en Google Maps
Horario
Verán (de abril a outubro incluidos): 10.30-14.00h / 16.00-19.30h
Inverno (de novembro a marzo incluidos): 10.30-14.00h
Abrimos todos os días menos os luns
Entrada libre
 
Visitas
 
8 rutas autoguiadas
Posibilidade de concertar visitas guiadas (10 a 35 persoas) nas nosas rutas, previa cita.
Dúas posibilidades de facer rutas no Parque Natural:
  • No Centro de Visitantes (grupos ocasionais ou concertados dentro das posibilidades do persoal asignado e do aforo do Centro).
  • Por algunha ruta do PN no exterior (grupos ocasionais ou concertados dentro das posibilidades do persoal asignado).
Aparte das rutas guiadas concertadas, no Centro de visitantes ofértase:
  • Unha ruta guiada (voluntaria e de balde) para cada grupo de particulares que visiten o Parque. (Servizo suxeito á cantidade de visitantes que se reciban ese día).
  • Unha exposición permanente, a través da cal poderás coñecer mellor o noso Parque.
  • Exposicións temporais.
  • Charlas temáticas.
  • Actividades relacionadas cos días de conmemoración ambientais.
  • Actividades interactivas.
  • Aparcadoiro próximo.
  • Centro adaptado para persoas con mobilidade reducida.
  • Paneis interpretativos e material divulgativo.
  • Senda Botánica con arboreto ilustrado.
 
Punto de saída da PR-G2 Aloia (9 km) ata o Refuxio Miguel Regueira, na Serra do Galiñeiro
Bar-restaurante Monte Aloia

Rutas

Senda das Udencias

Baixa
20 min
600 m
Lineal

Senda Botánica

Baixa
30 min
800 m
Circular

Rego de Pedra

Media
1,30 h
2,4 km
Circular

Muíños do Tripes

Baixa/Media
1,30 h
2,5 km
Circular

Muíños do Deique

Media/Alta
3,30 h
6,5 km
Circular

Castro Alto dos Cubos

Baixa
2 h
4,5 km
Circular

Cabana – Cabaciña

Baixa/Media
1 h
2 km
Circular

A Muralla

Media
2 h
2,5 km
Circular

Información de utilidade

Parque Natural
Centro I. Ingeniero Areses 886 120 650

 

Información municipal
Turismo Tui 677 418 405
Turismo Xunta de Galicia 986 601 789

 

Emerxencias
Urxencias 112
Seprona 062
Incendios forestais 085
Emerxencias sanitarias 061

 

Outras app de interese
Sendegal (Android)
Galicia Birding (Android)
Enoturismo en Galicia (Android)
Sendegal (IOS)
Galicia Birding (IOS)
Enoturismo en Galicia (IOS)

A ter en conta

  1. Deixa o vehículo nos aparcadoiros habilitados.
  2. Usa o vehículo só nas estradas/camiños habilitados e modera a velocidade cando circules polo interior do Parque.
  3. Non leves mascotas.
  4. Arrincar flores e plantas está prohibido, ademais de poñer en perigo especies singulares.
  5. Non molestes á fauna, non fagas ruído.
  6. Infórmate dos permisos necesarios para acceder ao Parque ou para facer calquera ruta.
  7. Antes de facer unha ruta, comproba a dificultade e o tempo que debes investir.
  8. Planifica con detalle a túa visita, sobre todo se vas en grupo, e equípate convenientemente.
  9. En moitos dos Parques Naturais organízanse visitas guiadas e interpretadas gratuítas; chama antes.
  10. Leva o móbil sempre coa batería cargada.
  11. Camiña polos sendeiros habilitados.
  12. Respecta a sinalización.
  13. Precaución coas enchentes dos cursos de auga.
  14. Precaución ao pisar pedras e troncos cando están mollados xa que son moi escorregadizos.
  15. Non está permitida a acampada libre nin pasar a noite con caravanas.
  16. Fai un uso responsable do lixo; se non hai colectores, lévao contigo ata que atopes un.
  17. Non está permitido o baño fóra das zonas habilitadas.
  18. Respecta as propiedades privadas.
  19. Usa as áreas recreativas.
  20. O lume pode destruír a vida do Parque, non o acendas.
  21. Excepto casos concretos, está prohibida a caza e a pesca. Consulta a normativa de cada Parque Natural.
  22. Avisa ao persoal do Parque ante calquera incidencia.

Monte Aloia

Paz e bondade natural entre lendas e sendas botánicas

O tempo

Imaxes

Ecosistema

Variedade de hábitats

Máis dun 80% de superficie arborada
Os seus solos son ácidos e sitúanse sobre un substrato granítico con penedos nos puntos máis elevados, un elemento característico na paisaxe da comarca.

A rede fluvial constitúena regatos das concas do Louro (Deique, Rebordáns, San Simón, As Tabernas, Tripes e Udencias). Tamén hai algunhas pozas, como as de Cabana e Cavildo.
As áreas arboradas ocupan máis do 80% da superficie total do Parque. Matogueiras, prados e outros hábitats menores repártense a superficie restante.

En 1910 iniciouse a repoboación forestal a grande escala con diferentes variedades de piñeiros e con outras moitas especies exóticas, o que deu lugar a un arboreto de grande interese. Actualmente existe unha Senda Botánica que amosa os elementos forestais máis destacables do Baixo Miño en xeral e do Monte Aloia, en particular.

Flora

Árbores e arbustos

Un ecléctico reino vexetal
É abundante a vexetación arbustiva de toxo, queiruga e xesta. Quedan algúns restos de caducifolio autóctono nas carballeiras da Ermida e Rego da Pedra, aparecendo tamén mesturados en repoboacións de piñeiros con acivros, castiñeiros, abruñeiros, espiños albares, érbedos e pereiras bravas. A sobreira tamén está ben representada no Parque.

En 1910 comezou a repoboación do monte con piñeiros e establecéronse masas de árbores exóticas como a mimosa e o eucalipto branco. Outras especies menos abundantes, pero ben representadas ou con exemplares de gran tamaño son a acacia negra, o ciprés de Lawson, o abeto de Douglas, os piñeiros albar e insigne e o cedro xaponés.

Nas ribeiras fluviais mellor conservadas, os bosquetes de carballo mestúranse con salgueiros, ameneiros, e sanguiños aos que acompañan numerosas plantas vasculares, pteridófitos e briófitos.

Flores

Endemismos galaico-portugueses
Nos cursos de auga dáse unha interesante flora acuática, con hidrófitos como Callitriche stagnalis, Montia fontana subespecie amporitana, Ranunculus tomiophyllus e Scirpus fluitans. Esta flora fluvial vese complementada pola existente nalgunhas pozas, como as de Cabana e Clavildo, onde aparecen Baldellia alpestris e Myosotis secunda.

O inventario inclúe polo menos 500 taxons vexetais. É interesante a presenza dunha serie de endemismos galaico-portugueses ou ibérico-occidentais, como Coincya monensis subespecie puberula, Carduus asturicus ou Carex acuta subespecie reuteriana, entre outras. Mención especial merecen, por ser exclusivos do Parque Natural ata o momento, Centaurea aloiana e Halimium lasianthum subespecie Alyssoides.

Fieitos

En perigo de extinción
Hai ademais moitos tipos de fieitos: Osmunda regalis, Blechnum spicant, Cystopteris viridula, Pteridium aquilinum, Athirium filix-femina, Polypodium interjectum, Polypodium vulgare
Tamén hai diversos espermatófitos fisurícolas, como o endemismo Dianthus laricifolius subespecie caespitosifolius, propio da conca do Miño-Sil e en perigo de extinción en Galicia.

Fauna

Anfibios e réptiles

O máis valioso do Parque Natural
A fauna de anfibios é de grande interese pola súa diversidade e abundancia, e confírelle particular relevancia ao Parque Natural. Na zona están citadas 11 das 14 especies coñecidas en Galicia, destacando os urodelos, que manteñen poboacións destacables de píntega (Salamandra salamandra), tritón ibérico e tritón xaspeado.

Están tamén presentes dous endemismos ibéricos noroccidentais ameazados, a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica) e a ra patilonga (Rana iberica).

Entre os réptiles cómpre citar endemismos ibéricos como o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), a víbora de Seoane e a lagarta galega, que coincide aquí coa lagarta ibérica.

Aves

Boa representación
A avifauna forestal está moi ben representada, destacando diversas especies de páridos nidificantes (ferreiriño negro, Periparus ater; ferreiriño real, Parus major ; ferreiriño cristado, Lophophanes cristatus; ferreiriño rabilongo, Aegithalos caudatus e ferreiriño azul, Cyanistes caeruleus) así como petos (peto verde, Picus sharpei e peto real, Dendrocopos major) e córvidos como o gaio (Garrulus glandarius).

Outras especies de interese nestas áreas boscosas son o cruzabico (Loxia curvirostra), o úbalo (Spinus spinus), o cuco (Cuculus canorus), a papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala), o tordo charlo (Turdus viscivorus), o gabeador común (Certhia brachydactyla), ou o pimpín (Fringilla coelebs).

No cauce dos ríos destaca o picapeixe (Alcedo atthis) e nas áreas rochosas o merlo azul (Monticola solitarius) e a andoriña dos penedos (Ptyonoprogne rupestris). Nas zonas de mato poderemos sorprender á papuxa do mato (Sylvia undata), a cotovía pequena (Lullula arborea), ou a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus).

Compre tamén sinalar a presenza frecuente de aves rapaces diúrnas como o azor (Accipiter gentilis) o gabián (Accipiter nissus), e o miñato común (Buteo buteo) e menos común do miñato abelleiro (Pernis apivorus). Pola noite ou ao solpor poderemos observar ou quizais escoitar a avelaiona (Strix aluco), o moucho (Athene noctura) e a curuxa (Tyto alba).

Mamíferos

Territorio de grandes e de pequenos
Entre os mamíferos é frecuente a presenza do esquío, o xabaril, a xeneta e o raposo. Son tamén importantes os morcegos, entre os que cómpre salientar o morcego grande de ferradura, o pequeno de ferradura e o morcego anano.
Tamén destaca a presenza do ourizo común (Erinaceus europaeus), a garduña (Martes foina), o tourón (Mustela putorius) e o aguaneiro (Galemys pyrenaicus). Esporádicamente podemos atopar exemplares da lontra (Lutra lutra).
As bestas ou cabalos bravos (Equus ferus caballus) son unha das últimas razas de cabalos en liberdade de Europa e posúen bastante influenza na conservación e dinamismo dos ecosistemas de mato.

Peixes

A vulnerable reñosa
Nos acuíferos do Parque Natural sobresae a reñosa, ciprínido con poboacións numerosas nas pozas de Cabana e no regato Udencias. É unha especie de singular relevancia, ao tratarse dun endemismo ibérico con poboacións consideradas vulnerables.
Cabe destacar a presenza de troitas (Salmo trutta fario).

Patrimonio material

Testemuños prehistóricos

Bo lugar para vivir
As condicións naturais do Monte Aloia favoreceron o asentamento humano desde tempos remotos. O castro do Alto dos Cubos, parcialmente reconstruído, é a principal testemuña no Parque de épocas prehistóricas, nas que chegaron a coexistir ata cinco citanias (cidade fortificada prerromana) que rodeaban o alto de San Xiao. Nas escavacións acháronse machadas, muíños de man e pezas de cerámica.

No Monte Aloia tamén se atoparon mámoas (na Chan Longa, na baixada da ruta de Cabaciña) e petróglifos (no lugar da Macoca, na entrada ao Parque por Tui, onde tamén está a Casa Cultural de Pazos de Reis).

Muralla Ciclópea

Estrutura defensiva na Antigüidade
A Muralla Ciclópea, feita con grandes pedras e sen argamasa, ten 3.200 metros de lonxitude, ocupa 30 ha de terreo e circunda a meseta superior do alto de San Xiao.

A orixe é incerta. Algúns arqueólogos sinalan que data da época grega (Schulten), aínda que é un tema que segue sendo obxecto de debate.

Entre as teorías sobre a súa orixe, barállase a posibilidade de que rodeara o gran poboado castrexo do Monte Medulio, famoso pola súa resistencia á romanización. Tamén hai quen sitúa aquí o Castellum Tude, a cidade de Tui na época romana.

Tramos de diversa factura apuntan que o máis probable é que fora edificada en varias etapas e que diferentes pobos (romanos, suevos e invasores franceses) se beneficiaran da súa estrutura.

Ermida de San Xiao

Centro de tradicións populares
Reedificada en 1713 sobre un antigo templo románico, a capela está dedicada a San Xiao. Ocupa o centro dun grande adro do que parte, por un lado, unha escalinata de pedra reconstruída no século XVIII que conduce á Fonte do Santo e, polo outro, un Vía Crucis que culmina na Gran Cruz de 1900.

O santuario é centro de tradicións populares. En xaneiro celébrase a romaría de San Xiao, obxecto de devoción na comarca polas súas virtudes milagreiras que favorecen as colleitas e curan enfermidades. O primeiro domingo de xullo ten lugar o Xubileo da Virxe das Angustias.

Casa Forestal Enxeñeiro Areses

Centro neurálxico do Parque
A Casa Forestal do Monte Aloia, actual sede do Centro de Interpretación, data de 1921. O enxeñeiro de montes tudense Rafael Areses Vidal foi o responsable do seu curioso deseño feito con grandes pedras e dúas alturas.

Este é o centro neurálxico das actividades de uso público do Parque Natural do Monte Aloia, desde onde se divulgan os valores culturais e naturais do espazo. Ademais de información útil para a comprensión do espazo natural, no Centro de Interpretación tamén se ofertan visitas guiadas temáticas polo exterior do Parque e polas exposicións interiores.

Conta cunha sala de audiovisuais, unha exposición permanente e ampla información sobre o Parque.

Ermida de San Fins

Iniciativa veciñal
Construída en 1995 polos veciños, coa colaboración da Xunta, aquí celébrase cada primeiro domingo de agosto a romaría de San Fins. Nos arredores hai unha tranquila área recreativa.

Patrimonio inmaterial

Lendas do Aloia

Rituais e misticismos
O carácter mítico do Monte Aloia favorece a existencia de moitas lendas. Hai quen di que as eguas que cabalgan en semiliberdade son fecundadas polo vento, ou que na cama na que durmía San Xiao non medra a herba. Os rituais falan dunha pedra da auga e dunha pedra do sol nas que realizar peticións mitolóxicas.

Tamén se fala dun ritual para favorecer as colleitas. Se precisaban que o tempo fose seco, levaban o santo ata a rocha do sol e se, polo contrario, querían que chovese, levaban o santo ata a rocha da auga.

Como chegar?

O Parque Natural do Monte Aloia atópase situado no concello de Tui, comarca do Baixo Miño (Pontevedra). A só un cuarto de hora da zona histórica de Tui, é un auténtico pulmón verde cunhas vistas privilexiadas do tramo final do Miño, o río máis importante de Galicia.

 

Tui estivo habitado desde tempos prehistóricos e foi unha das capitais do antigo Reino de Galicia. É unha das portas de entrada natural do Camiño Portugués a Galicia desde as terras lusitanas. Neste paso fronteirizo, tamén está situada a Ponte Internacional sobre o río Miño.

 

 

Accesos

 

  1. Desde Tui, Gondomar e Baiona: pola estrada PO-340 (Tui-Gondomar) continuar ata o cruzamento que leva a Frinxo e máis arriba, ata o alto do Monte Aloia.
  2. Desde Vigo: pola A-55, dirección Tui, saída 29; ou pola estrada N-550.
  3. Desde Ourense: pola autovía das Rías Baixas A-52, enlace coa A-55, dirección Tui.
  4. Desde Porto (Portugal): autoestrada A-3 ata Valença do Minho, enlace coa A-55, saída 29.

Permisos necesarios

Non hai contido que amosar.

Contacto

Centro de Interpretación da Natureza Casa Forestal Enxeñeiro Areses

Localización: Frinxo, 37. 36715 Pazos de Reis (Tui) Ver en Google Maps
Horarios
Inverno: L-V 8.00-15.00h
Verán (Semana Santa a setembro): L-D* 10.00-13.30 / 16.00-20.00h *Variable

Miradoiros

Hai 6 miradoiros acondicionados:

 

  1. Celta (604 m). É o miradoiro máis novo do Parque Natural, que atopamos na Ruta da Muralla Ciclópea. Ofrécenos boas vistas do espazo.
  2. Enxeñeiro Rafael Areses (633 m). O máis rechamante deste miradoiro é a súa formación en liña coa Casa do Enxeñeiro, actual Centro de Interpretación.
  3. González Páramos ou Alto de San Xiao (631 m). Situado detrás da ermida de San Xiao, as vistas son espectaculares pois vemos a Serra do Galiñeiro, así como as illas Cíes e Ons (que forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia).
  4. Gran Cruz (630 m). Desde este fermoso enclave viaxamos ao sur, coa desembocadura do Miño aos pés do miradoiro. Chega a divisarse o Gerês, a parte portuguesa do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Se hai néboa pola mañá, que adoita desaparecer ao mediodía, a sensación entre o mar de nubes é abraiante.
  5. O Castelo (618 m). Cunha panorámica similar ao da Gran Cruz, atopámonos cun miradoiro de formación curiosa e máis afastado das multitudes para respirar tranquilidade.
  6. Oliva (564 m). Destaca polas súas vistas ao val de Tui.

 

Ocio

Para todos os públicos
A poboación de Tui adoita facer uso lúdico do Parque Natural do Monte Aloia, sobre todo durante a época estival. É na parte alta do Aloia onde se concentra o equipamento recreativo: merendeiros, parques infantís, fontes, aparcadoiros, bar-restaurante e outros servizos públicos.

 

Outras opcións de ocio dispoñibles todo o ano no municipio de Tui e arredores están relacionadas cunha ampla oferta de turismo activo, rafting, piragüismo, paseos a cabalo, rutas BTT, entre outras.

 

 

O municipio está integrado no xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, do que tamén forma parte o arquipélago das illas Cíes (Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia), a só media hora en coche.

 

 

 

+info

 

 

Produtos locais

Exquisiteces do Miño
A riqueza gastronómica de Tui está influenciada polas augas do río Miño xa que tres dos produtos locais máis valorados son as angulas (alevíns da Anguilla anguilla), a lamprea (Petromyzon marinus) e o sábalo (Alosa alosa).

 

Este último está considerado unha exquisitez culinaria. É un peixe branco de tempada que só se pesca na primavera e no verán cando, xa adulto, regresa ao río para desovar (é unha especie anádroma). Os exemplares no mercado superan o 2 kg de peso, cotizándose a prezos elevados. Quen o proba din que “sável do Minho” e de feito, estaba considerado un símbolo do río. Unha anécdota curiosa é que nos restaurantes da Praça do Comércio, en Lisboa (Portugal) un dos reclamos é o “sável do Minho” (nome do peixe en portugués).

 

 

A lamprea é outro dos produtos delicatessen da gastronomía local, tamén unha especie anádroma, e igual que o sábalo e as angulas, faénase de noite.

 

 

En abril, e coincidindo coas festas patronais de San Telmo, Tui festexa o Festival Popular do Meixón, unha celebración gastronómica ao redor das prezadas angulas do Miño. Ao contrario que os anteriores, esta é unha especie catádroma (madura no río e reprodúcese no mar).

 

 

Das fértiles augas do río máis internacional de Galicia tamén beben as vides de viño Albariño; algunhas mesmo medran na aba do Monte Aloia. A cultura vitivinícola desta rexión do sur de Galicia pódese saborear e coñecer a través das rutas de enoturismo da D.O. Rías Baixas (zonas do Condado de Tea e do Rosal). Desde hai pouco tempo, unha adega local tamén elabora un tinto recuperado de castes antigas autóctonas.

 

 

 

+info

 

 

Monte Aloia

Paz e bondade natural entre lendas e sendas botánicas

Data de declaración

4 de decembro de 1978. En virtude do Real Decreto 3160/1978 do 4 de decembro, sobre a declaración do “Parque Natural do Monte Aloia (Pontevedra)”, BOE nº 16 de 18/1/1979.

Instrumentos de planificación

Plan reitor de uso e xestión (P.R.U.X.) Decreto 24/2020.

Instrumentos de planificación

Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN). Decreto 24/2020, do 9 de xaneiro

Documentación

Outras figuras de protección

Zona especial de conservación (ZEC) ''Monte Aloia'', ZEC ES1140005; de 783 ha).

Outras figuras de protección

Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) “Monte Aloia” de 783 ha.