Ruta Val do Sil

Baixa/Media
1,30 h
A pé
5 km
Lineal
Parque Natural: Serra da Enciña da Lastra
Inicio: Miradoiro A Portela-Vilardesilva
Fin: Miradoiro Túnel N-120-Covas
A ruta comeza en Vilardesilva, no miradoiro da Portela (640 m) cunha espléndida panorámica do núcleo rural asentado nunha ladeira en balconada sobre o encoro de Penarrubia e ao pé dun inmenso cortado calcario. Atravesamos a aldea de Vilardesilva, cunha arquitectura tradicional singular, para continuar descendendo entre leiras e matogueiras espiñentas. Seguimos polo antigo sendeiro que unía Vilardesilva e Covas atravesando un fermoso aciñeiral, entre érbedos, fozadas de xabaril e cortados calcarios.
Unha vez pasado un forno de cal da era preindustrial continuamos entre castiñeiros e cultivos ata o núcleo rural de Covas. Pasada a aldea atopámonos coa aciñeira das Cortiñas, catalogada como árbore senlleira, para ascender ata un miradoiro (540 m) ao carón dos túneles da N-120, onde remata a andaina. A ruta tamén se pode facer en sentido inverso.